Dia das Letras Galegas 2013
- Posted by hotelcasarosalia
- Noticias
- 3 Comments

A figura de Roberto Vidal Bolaño, nacido e finado en Santiago de Compostela (1950 – 2002), foi imprescindíbel para o teatro galego, e tamén recoñecido a nivel europeo, xa que logo tivo unha produción literaria prolixa e de calidade, dedicada case sempre a este xénero. Comprometido coa lingua (foi monolingüe), tivo tamén un compromiso estético. Ademais, sempre estivo preocupado por experimentar novas técnicas e apostou polo diálogo coas diferentes tradicións: literaria e histórica, culta e popular, política e social (aínda lembro cando apareceu de incógnito pola Facultade de Xeografía e Historia para “dar ideas” e “botar unha man” nas creacións que acompañaban ás loitas estudantís de oposición á nova lei de universidades que se nos viña enriba nos comezos de século). Pero Vidal Bolaño non so foi un home de teatro, pois era un excelente actor e fixo achegas os seus pinos na produción audiovisual galega, con achegas con guións e traballos como director (quizais por iso de que lle tivese gustado ser director de cine), e un extraordinario escritor.
Vidal Bolaño vivía en Brión, e era un cliente do noso restaurante Casa Rosalía. Pois ben, co gallo do Ano das Letras Galegas dedicado ao noso veciño (subliñar que o 17 de maio, Día das Letras Galegas, será homenaxeado institucionalmente pola Xunta e a Academia), a Casa de Cultura, co apoio da Deputación da Coruña, fixo unha programación especial ao longo de todo o ano, con representacións teatrais, lecturas da súa obra, actividades nos colexios, contacontos, monólogos e moito máis . Para comezar, este mes de maio comeza cunha exposición e visitas guiadas á Biblioteca Pública Municipal (do 13 ao 21). Entre os actos abertos ao todos os públicos está a representación de ‘Criaturas’, de Teatro do Aquí (día 18 ás 20:30 hrs.); ‘BailadELAS ‘, de Teatro Antroido (día 25 ás 20:30); e o monólogo “Contos dun rapaz de aldea”, de Pepe Capelán (día 31 ás 20:30), sempre con textos do xenial dramaturgo. A programación continúa até final de ano, pero xa vos daremos boa conta dela.
Pero os actos na honra deste home, sempre pegado a un bigote e un sombreiro, xa comezaron por todo o país. De feito, na pasada Feira do Libro de Santiago se presentaron as súas obras completas, publicadas por Edicións Positivas; o libro e audiovisual ‘Un chapeu negro e un nariz de paiaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño’, de Editorial Galaxia; e se interpretara ‘Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño’, de Urdime Teatro, coa participación estelar de Laura Ponte e Roi Vidal Ponte.
E terán continuación nas vindeiras feiras do libro programadas pola Federación de Libreiros de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria. Aproveita as túas fins de semana en Galicia facendo coincidir coas próximas citas: Lugo (14 - 19 de maio), Pontevedra (21 - 26 de maio), Ourense (4 - 9 de xuño), Vigo (28 de xuño - 7 de xullo), Rianxo (25 - 27 de xullo), A Coruña (1 - 11 de agosto), Viveiro (13 - 16 de agosto), Foz (17 - 20 de agosto) e Monforte (22 - 25 de agosto).
Luis Ulloa (xeógrafo)